FEITO EN RIANXO
100% ao noso xeito
PREGUNTAS FRECUENTES
PARA QUE?
Para crear un espazo para tentar converter os residuos que xeramos en recursos e, de ser posible, nunha oportunidade de negocio. Os obxectos desbotados poden ter outra oportunidade, poden ser reparados e utilizados de novo, poden cambiar o seu uso, poden ser empregados como repostos… A vida útil dos obxectos de consumo non debe rematar cando se converte en residuo, ten que ser un recurso e, de ser posible, xerar novas plusvalías..
POR QUE?
O Concello de Rianxo conta cuns espazos susceptibles de convertérense en puntos de dinamización social e ambiental, para dar cabida a iniciativas e proxectos que lle permitan á cidadanía ser participe dun cambio no paradigma do consumo.
A idea que formulamos con este proxecto é converter o que chamamos «residuos» en recursos, abrindo novas posibilidades en pro de romper o círculo de ser suxeitos pasivos do sistema actual, de usar e tirar, con todas as consecuencias negativas que ten para o noso medio e o noso desenvolvemento persoal.
En determinados momentos temos a intención de tentar recuperar, reparar ou modificar algún aparello, utensilio ou ferramenta que deixou de funcionar, que pertencía a algún/a achegado/a, que atopamos, que nos gusta a súa estética… e vémonos limitados/as por carecer de coñecementos, medios ou ideas. O que imos tentar crear é un lugar onde poidamos desenvolver o noso potencial, contando cos medio axeitados e con axuda doutras persoas participantes, e onde prevalecerá sempre a seguridade.
Para conseguir estes obxectivos é preciso realizar unha serie de accións formativas que nos permitan adquirir as destrezas necesarias para poder desenvolver as nosas ideas e inquedanzas.
A formación que se dará será a seguinte: electrónica, carpintería, mecánica e acabados. Como participante, axudarás a crear un lugar onde as túas ideas se convertan en realidades.
QUE GAÑAMOS?
- Participar en redes de intercambio ou iniciativas de Economía Circular.
- Evitar a xeración de residuos e concienciar á cidadanía.
- Fomentar novos usos das instalacións.
- Recuperar obxectos do lixo e crear plusvalías.
- Fomentar a filosofía a Maker ou DIY.
- Crear oportunidades de negocio.
- Romper a obsolescencia dos obxectos de consumo.
- Dotar de alternativas ocupacionais á xuventude e á terceira idade.
MÁIS POLO MIÚDO
Para a realización deste proxecto temos tres liñas, que se atopan interrelacionadas para conseguir a súa implementación:
Creación dun espazo de traballo e intercambio:
Xa contamos cuns espazos axeitados á iniciativa. Simplemente é preciso
dotalos do equipamento necesario e xa estarían en disposición de
funcionar como taller e lugar aberto ao intercambio.
Formación dos/as reparadores/as:
Este é a clave para lograr que o proxecto funcione, sen capital humano, que
dinamice e xere sinerxías para avanzar, resultará imposible que o proxecto calle.
Para conseguir que as persoas participen é preciso difundir a iniciativa e
darlles unha formación que colme as súas inquedanzas.
Recuperación de obxectos do lixo:
As fontes de recursos poden ser varias; obxectos recollidos directamente do lixo,
obxectos que os/as participantes teñan nas súas casas ou obxectos que a cidadanía
desbote e deposite no Punto Limpo de Rianxo.
- Misión: Espazos locais que favorezan a creatividade proporcionándolles aos/ás participantes ferramentas para a reparación e fabricación de obxectos.
- Acceso: Calquera persoa pode usar o espazo para reparar, modificar e fabricar obxectos, e compartirán a súa experiencia cos demais usuarios/as.
- Educación: A ensinanza no espazo baséase en parte na aprendizaxe entre pares; os/as usuarios/as deben contribuír á creación da documentación e á instrución.
- Responsabilidade: Os/as usuarios/as son responsables dos puntos seguintes:
- 1. Seguridade: saber traballar sen facer dano, nin ás persoas nin ao equipamento.
- 2. Limpeza: deixar o espazo máis limpo que antes de usalo.
- 3. Operacións: contribuír ao mantemento, á reparación, e ao seguimento das ferramentas, das necesidades e dos incidentes.
- 4. Confidencialidade: os proxectos individuais son propiedade do/a reparador/a e é el/a quen decide sobre a súa difusión.
- 5. Negocio: as actividades comerciais poden incubarse no espazo, pero non poden entrar en conflito co acceso aberto.